O pasado 3 de decembro, con motivo da conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Departamento de Orientación da EEI Vila Laura organizou unha fermosa actividade para todo o alumnado.
Na biblioteca do centro gozamos dun contacontos moi especial, dirixido pola especialista de Audición e Linguaxe, arredor do libro “O voo de Sofía” (Editorial Cuento de Luz). Esta historia fálanos de Sofía, unha libélula con ansiedade pola incerteza, que un día deixa de voar. A súa nai, para axudala, crea unha axenda visual que lle proporciona a anticipación necesaria. Grazas a esa estrutura, Sofía recupera a calma e volve voar feliz.
A través deste relato aprendemos que, con apoio e comprensión, todos e todas podemos superar os medos e atopar o noso propio ritmo.
Tras o contacontos, cada grupo continuou a actividade nas aulas, onde, seguindo instruccións con pictogramas, elaboraron a súa propia libélula de Sofía. Así, o alumnado puido poñerse no lugar da protagonista e comprender mellor o valor da diversidade, a empatía e a superación.
As nosas pequenas libélulas marcharon para casa levando con elas unha mensaxe chea de cor e respecto:
✨ todas as ás, grandes ou pequenas, poden voar se lles damos oportunidade.
Coidamos, compartimos e aprendemos xuntos cada día na EEI Vila Laura


No hay comentarios:
Publicar un comentario